16/04/10

A ESCRAVITUDE INFANTIL

Con motivo do Día Mundial Contra a Escravitude Infantil dúas alumnas de 2º de Bach reflexionan sobre este tema:

"Nos tempos que corren estamos a vivir nun mundo moi capitalista. Nos países desenvolvidos prima unha sociedade consumista e unha gran competitividade entre as empresas por acadar maior demanda e beneficios. Para isto, a miúdo optan pola explotación de recursos, tanto humanos coma naturais, de países subdesenvolvidos. Pola extrema necesidade destes países, as grandes empresas mundiais fan uso do seu poder como potencia económica e ignoran as leis que regulamenta o traballo e os dereitos humanos. Ofrecen condicións infrahumanas, salarios insuficientes para unha vida digna e mesmo contratan a nenos moi pequenos a pesar de non estar permitido, e todo por afán de acumulación de capital. Aprovéitanse da extrema pobreza destes países, que fai que moitas veces se utilicen os nenos para traballar xa dende ben pequenos no campo ou mesmo que sexan intercambiados para seren empregados como man de obra barata a cambio duns bens mínimos.

Non podo maxinar ata que punto de precariedade ten que chegar unha familia para desvincularse desta maneira dun dos seus membros, ou como alguén pode ter o sangue tan frío para secuestrar e arrebatar a un neno pequeno dos seus e roubarlle así a infancia.

Estes nenos esquécense de xogar, de desenvolver a súa imaxinación e de experimentar a curiosidade por descubrir o mundo. Perden todos aqueles momentos indispensables na formación dun neno ao seren obrigados a introducirse no mundo adulto, e ás veces non só son explotados na industria senón tamén no exército coma nenos-soldado, poñendo en xogo a súa vida, ou mesmo na prostitución, aniquilando a súa integridade.

Debe ser realmente traumático para eles a tan curta idade ter que comezar a pensar como adulto. É o caso de nenos que, sen sobrepasar os doce ou trece anos, adoptan a conciencia de rebelión contra aqueles "poderosos" que os explotan e fan unha denuncia malia as posibles consecuencias. Incluso chegan a acadar unha madurez da que moitos adultos non poden presumir, e de maneira practicamente repentina.

Por iso Iqbal, así como todos aqueles nenos de historias semellantes, merecen todo o respecto por amosar unha valentía impropia para os seus anos." Paula Casal.


********************************************************************

"A escravitude infantil é un dos problemas máis graves da nosa sociedade capìtalista e consumista. Os nenos dos países menos desenvolvidos vense nunha situación na que polas súas condicións de vida está obrigados a traballar en condicions infrahumanas, ou son usados directamente como mercancías ou entrenados como soldados. No primeiro caso grandes compañías occidentais aproveitan que estes países carecen ou son moi permisivos na aplicación de leis sociais, obtendo así man de obra moi barata. Noutros casos os nenos son usados polos adultos para enriquecerse, obrigándoos a practicar a mendicidade e incluso a prostitución. Obsérvase esta última especialmente nos coñecidos como lugares de "turismo sexual", países como Tainlandia ou algunhas zonas de Brasil.

O primeiro que podemos facer para comezar a evitar esta grave situación é saber de onde vén o que mercamos, evitando os produtos manufacturados por nenos e apoiando o consumo de produtos de comercio xusto. Outra opción é colaborar coas ONGs que promoven a educación nestes países para que os nenos poidan estudar e mellorar o seu futuro. Polo demais, penso que dificilmente pode conseguirse que os gobernos deses países modifiquen as súas leis sen algunha presión política, que terá que vir precedida de presións económicas, tendo en conta o sistema económico-social actual. María Xosé Gutiérrez.

04/02/10

AO FÍO DO ARTIGO DE VITOR FREIXANES "DISCRIMINACIÓN POSITIVA"

A raíz da publicación dun artigo de Vítor Freixanes en La Voz de Galicia titulado DISCRIMINACIÓN POSITIVA, dúas alumnas de 2º de BACH. realizaron os comentarios críticos que tedes a continuación.

"Cando se dá un caso de desigualdade, a adecuada maneira de actuación é unha discriminación positiva que impulse ao sector infravolorado ata que acade o mesmo estatus có outro; se permanecemos pasivos, a situación non cambiará nin evolucionará cara á igualdade por si soa, xa que para que iso ocorra precisamos dun esforzo por parte de todos.

No caso da discriminación da muller, tiveron que superarse moitos obstáculos como as inseguridades, a mentalidade da época,etc. Na actualidade, e grazas a que se lle concederon os mesmos dereitos políticos que aos homes e se foi incorporando á vida laboral, este tipo de discriminación foise superando, aínda que non por completo. Pero de non ser por todos os labores levados a cabo a prol dunha maior igualdade entre os xéneros, tanto no traballo como na política e a administración, a situación da muller aínda estaría como hai anos.

Polo que respecta á lingua galega, tema principal do artigo de Freixanes, a discriminación está clara, sobre todo nas cidades, nas que progresivamente se foi substituíndo polo castelán. E isto nótase máis nas xeracións máis novas pero, ao contrario do que di o autor do artigo, non considero que o problema en xeral sexa o complexo que se transmite de pais a fillos. Pode que nalgúns casos si exista esa vergonza por falar en galego, pero a causa é máis o hábito que outra cousa: cada un fala a lingua que é empregada maioritariamente no seu contorno.

É certo que é moi difícil a igualdade plena de dúas linguas cooficiais nun territorio e, cando se observa que unha delas vai caendo en desuso, cómpre tomar medidas, como a de utilizar o sistema educativo para fomentar o seu emprego, neste caso, o do galego. Isto sería un caso de discriminación positiva.

Pero pensar que na actualidade o problema reside na falta de liberdade é un erro na maioría dos casos, porque poida que o galego comezara a perderse coa represión de tempos pasados -na ditadura ou durante outros procesos centralizadores- pero, nos últimos anos, non sen moito esforzo por parte de diferentes organizacións, o galego foise normalizando e desenvolvendo na escrita e, actualmente, temos certa liberdade para falar calquera das dúas linguas oficiais de Galicia, aínda que, como tamén pasa no caso da muller ou de calquera outra discriminación, queda moito por facer." Paula Casal.

**********************************************************

"Eu teño claro que, posto que estamos en Galicia, deberíamos falar galego, igual que en Cataluña se fala catalán e no País Vasco se fala euskera. Non ten sentido que a Xunta de Galicia queira xustificarse dicindo que quere un terzo das clases en galego, outro terzo en castelán e outro terzo en inglés para fomentar a aprendizaxe dos idiomas, cando o que pretende é eliminar o galego diante dos nosos ollos. A min paréceme moi ben que se aprenda inglés, incluso dende ben pequenos, pero que iso non implique que a nosa lingua materna saia perxudicada. Non queremos diglosias só igualdade.

Hai uns días saíu no telexornal que en Cataluña se multará con cuantiosas cantidades aos propietarios de locais que non teñan o seu letreiro en catalán. Aquí en Galicia non pasaría iso nin aínda que o presidente da Xunta fose membro do BNG. Sei que é unha esaxeración e contrario á liberdade de expresión, pero por outra parte pódese ver tamén como amor á lingua. Alí non rexeitan ás súas raíces, por que temos que facelo aquí? Dende que chegou o novo presidente as cousas están cambiando, e na miña opinión non para mellor. Cambiou o modelo de selectividade e agora queren "eliminar" o galego das aulas. Que será o próximo? Espero que a folga do "decretazo contra o galego" do 21 de xaneiro sirva para algo. Temos dereito a elixir." Alba Bouzas.

23/03/09

A MULLER NA HISTORIA

A historia foi escrita por homes que viviron nunha sociedade machista e patriarcal, xa que logo, a muller estivo excluída e o seu papel quedou relegado a unha posición inferior con respecto ao home, salvo honrosísimas excepcións.
Non temos que botar a mente a pensar en séculos moi anteriores ao noso para ver a exclusión da muller da sociedade, xa que sería suficiente con mirar ta só 50 anos atrás para descubrir todas as desigualdades e dificultades polas que tivo que pasar, ou mesmo repasar sucesos que sucederon este mesmo ano para demostrar que vivimos nunha sociedade inxusta na que a muller aínda non se emancipou.
As mulleres foron, por exemplo, excluídas das tomas de decisión, e por non decidir, non podían nin decidir sobre si mesmas. En España obtiveron o dereito a voto durante a IIª República, aínda cando eran consideradas, amplamente, como un obxecto propiedade do marido.
Eu, como estudante, boto en falta a existencia nos planos de estudo dunha análise do papel da muller ao longo da historia. Houbo por exemplo mulleres filósofas, mais non as estudamos; houbo mulleres científicas, matemáticas, políticas que marcaron o decurso da historia, e un longo etc. que non teñen o recoñecemento que merecen.
Na actualidade vemos como a muller aínda non pode decidir sobre o seu propio corpo, agora que volveu o debate sobre a reforma da Lei do Aborto, ou mesmo hai casos de mulleres que por un mesmo traballo gañan menos diñeiro cós homes. Iso por non falar de que a violencia machista e asasina segue vixente nos nosos días; de feito hai poucos días morreu unha muller galega a mans dun home que non pode ser considerado como tal.
En fin, son moitos os avances, pero aínda quedan moitos pasos por dar para acadar a verdadeira independencia da muller, e este ten que ser o primeiro logro para chegar a unha sociedade xusta.
Daniel Candal
======================================================================================================
Hai moi poucos anos que a muller decidiu incorporarse á vida laboral. Durante séculos, a muller foi o "custodio" do fogar, cuxo labor era permanecer na casa encargándose da súa limpeza, da alimentación e do coidado da familia. Durante aquel tempo, o home da casa cumpría as súas tarefas traballando fóra para volver cun salario co que manter á familia. Esta situación era certamente xusta, sen termos en conta a dureza do traballo de cada un: o traballo da muller era coidar a familia e como pago o home mantíñaa proporcionándolle todo o necesario.
Non obstante, coa incorporación da muller ao traballo, esta situación perdeu toda esa xustiza lóxica. A muller traballadora cobra o seu propio salario e non precisa realizar ningún labor polo seu home. Polo tanto, o traballo do fogar tería que repartirse equitativamente e, non obstante, é a muller quen segue a encargarse de todo, realizando dous traballos nos que perde todo o día e sen recibir nada a cambio, xa que os caprichos que desexe saen agora do seu propio salario.
Progresivamente, esta situación vaise modernizando, pero aínda lle queda moito camiño por diante. E indepedentemente do seu labor no fogar, existe aínda hoxe en día un debate aberto sobre a desigualdade da muller no mundo laboral, quen supostamente por un traballo idéntico ao dun home, cobra menos por ser muller. Costa crer estes argumentos a estas alturas dos tempos.
Emilio Bonome.

12/02/09

O AMOR, ESE CONFLITO

Ao fío do Día dos Namorados dous alumnos de 2º de Bach. déixannos as súas reflexións acerca do AMOR.

Se hai algo que nos distingue das bestas é a razón e o amor é algo que escapa á razón. Poden, pois, os animais, amar? E de poder, como aman?

Sabemos que o ser humano ten moitas formas de amar e pode amar moitas cousas ao mesmo tempo: pode amar algo material, unha institución, a un pai, a un curmán … Pero o amor máis conflitivo é o que o ser humano lle ten a unha persoa “especial”, a esa persoa que esperta nel sentimentos descoñecidos. Esa clase de amor é un amor de dobre filo, xa que pode ser o máis doce dos meles se é correspondido,ou a dor máis intensa se non o é.

Moitos actos na historia foron producidos por amor. Helena de Troya é un exemplo do que poden acarrear as emocións humanas.

O amor é un tema, máis que habitual, case indispensable nas artes, sexa cine, pintura, literatura… En case todas as películas hai unha historia de amor ben como tema principal ben como tema secundario; no campo da literatura, autores de todos os tempos utilizan este tema como exaltación de algo fermoso ou como fonte de sufrimento. Poñamos como exemplo as “Rimas” de Becquer ou “Romeo e Xulieta” de Shakespeare.

Nestes tempos, na vida real, a xente busca o amor da súa vida de moitas formas. Para gustos, cores. Hai quen busca a súa media laranxa nun bar mentres outros prefiren usar axencias ou poñer anuncios.

Sexa cal sexa o caso, se tes sorte e atopas a esa persoa ideal, quizais acertes e consigas o maior dos tesouros, ou talvez, pasado o tempo, perdas a chispa e teñas que comezar de novo a percura.
Gonzalo Junquera.

*** *** *** *** *** *** *** *** *** *** *** ***

Na sociedade actual, véndesenos o amor como unha necesidade para acadar a felicidade e, por tanto, non se concibe que unha persoa que non ame poida ser feliz. Se algo se pode afirmar acerca de tan subxectivo tema é que o amor, sexa ou non correspondido, é un sentimento que vincula a dúas persoas e que, por tanto, crea unha dependencia. Se realmente se quere acadar a felicidade, o amor non é aconsellable, xa que o teu estado de ánimo está condicionado ao doutra persoa á que ti non podes controlar, de modo que o teu propio estado de ánimo deixa de ser algo controlable por ti mesmo e convértese en algo frustrante e incontrolable.

A felicidade áchase en coñecerse a un mesmo para cumprir con todas as ambicións posibles. Cando unha persoa se fixa uns obxectivos que cumprir, precisa de todas as súas capacidades e da súa concentración para logralo. O amor imposibilita esa concentración. Cando un quere acadar unha meta ha de percorrer un camiño de sacrificios e moitas veces de soidade que permita centrar todo o esforzo nese proxecto. Todo sacrificio é imposible de realizar por unha persoa namorada.

Así pois, o amor é un sacrificio en si mesmo, un sacrificio que che impide chegar a ser ti mesmo e te obriga a dividir a túa vida en dúas partes.

O único e verdadeiro amor que nos pode satisfacer sen nos producir ningún imprevisto é o amor propio.
Emilio Bonome.

29/01/09

Dialogando con Xurxo

Ola Xurxo!!
Parabenízote polo artigo. Pese a que a ofensiva sionista na Faixa de Gaza xa se freou, o peor de todo aínda está por chegar, e o número de mortos seguirá a subir namentres dure a ocupación e o pobo palestino non poida gozar da súa liberdade. Algo que polo que temos visto, o goberno de Israel, non ten pensado aceptar (como nunca aceptou).
Dixeches unha cousa importantísima para comprender este conflito, que é a pasividade dos gobernantes ante esta situación, que se fai evidente, ao ver, como constantemente, o goberno sionista incumpre constantemente as resolucións marcadas pola ONU (a estas alturas poño en dúbida a utilidade desta (e outras) instituticións. Israel nunca cumpríu as resolucións deste conflito, e por non cumprir, nin cumpríu a resolución da ONU con respecto á fundación do estado de Israel alá polo ano 1948. É moi triste ver como o pobo xudeu, despois de todo o que ten sufrido durante o nazismo, está a practicar un segundo Holocausto, desta volta, contra o pobo palestino que loita, a base de pedras, fronte a un exército coa tecnoloxía máis avanzada e coas armas máis destrutivas que existen (a Verdadeira Arma de Destrución Masiva). Iso si, Israel ten dereito a defenderse das pedras, Palestina non, que estes últimos son terroristas (cuxa única culpa é vivir nun mundo inxusto).
Apertas!
غاليسيا من أجل فلسطين(Galiza por Palestina)
Publicado por Dani Candal para Arquivos do Trasno a las 24 de enero de 2009 19:01

20/01/09

XOGANDO CON GAIA?

Na actualidade poucos poñen en dúbida que o cambio climático é a maior ameaza medioambiental á que se enfronta a humanidade. Son xa moitas as chamadas de atención que nos leva feito a Terra para non darnos por enterados: subida das temperaturas, inundacións, sequías, vagas de calor, desxeo dos polos, propagación de doenzas a zonas non habituais, descenso no ritmo de crecemento da barreira de coral de Australia… pero pouco caso lles fan os que teñen o poder para remedialo e se limitan tan só a facer encaixe de palillos para permitir que se sigan mandando gases contaminantes á atmosfera ou se continúe facendo corta indiscriminada de bosques.

Polo tanto, malia tratados e acordos, ante a imposibilidade de remediar un problema con demasiados custos económicos e políticos, os científicos propoñen intentar paliar os efectos da contaminación cunha serie de experimentos encamiñados a alterar o clima en sentido inverso ao que están a facer as emisións de gases, para conseguir que a temperatura global volva a descender. É o que se coñece como xeoenxeñería.


Entre as propostas máis coñecidas está a de fertilizar con partículas de ferro os océanos para estimular o crecemento do fitoplancton ou colocar partículas na atmosfera para que dispersen a radiación solar. Non obstante, os científicos non se poñen de acordo con respecto aos pros e aos contras que conlevan estas propostas.

Por iso, ante as noticias aparecidas estes días nos xornais arredor do PROXECTO LOHAFEX non podemos menos que preocuparnos ante a posibilidade de que calquera país poida utilizar a xeoenxeñería a nivel global sen ter que pedir permiso ao resto do mundo nin obedecer a tratados internacionais.

NOTICIAS DO MUNDO

Estes días estase a producir unha masacre no Oriente Próximo, xa que en Palestina hai unha situación convulsa que todos en maior ou menor medida temos que solucionar. Ten que haber un coloquio de israelís e palestinos para liberarse desa vaga de violencia abismal que está segando todos os días milleiros de almas inocentes. A isto hai que sumarlle a absoluta pasividade dos gobernantes, pois non viron o xeito de adoptar medidas paliativas para así chegar a unha solución. Por iso pido un esforzo común por parte das autoridaes para parar esta lacra.
Xurxo de 1º de Bach.